Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación . A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publicaCancioneiro, a súa produción literaria estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar na cultura española.
Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952, fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego (1957), agrupación dramática de curta vida. Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega.
Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente,1975) e interviu no intenso debate teatral do momento.
Morreu en Vigo en 1979.